Presentamos o cartaz e programa do XXVI Asalto ao Castelo

A organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo vén de presentar o cartel e programa da súa edición número 26.  Tanxugueiras, Lamatumbá, Huntza, Festicultores Troupe, De Vacas e Monoulious Dop son os grupos xa anunciados para a dobre cita co festival, o venres 30 de xuño e o sábado 1 de xullo. Pero o Asalto ao Castelo está composto de moito máis que música.

De feito, a súa actividade esténdese ao fin de semana anterior, cando se celebre a singular carreira da Legua Irmandiña (sábado 24 de xuño) e unha Ruta á Cruz do Loureiro (domingo 25 de xuño), mesturada cunha performance artística de Jurek Janiszewski e Miguel Queiro. Para as dúas actividades está próximo a finalizar o prazo de inscrición en www.asaltoaocastelo.gal

Xa na propia semana do Asalto, o concello de Vimianzo organiza unha semana de obradoiros medievais para nenas e nenos e, como novidade, a Tarde-Noite Infantil Meiga (o mércores 28 de xuño) coa misión de achegar ás novas xeracións as revoltas irmandiñas e involucralos na propia festa.

Gastronomía medieval

Ademais, durante a semana (martes 27 xuño a sábado 1 de xullo) poderanse degustar os Pinchos Irmandiños de dez establecementos hostaleiros de Vimianzo. Cada tapa ten algo en común e é que só utilizan alimentos que se puidesen consumir na Idade Media. Na presentación do cartel desta mañá, os hostaleiros deron a coñecer os detalles do novo certame, no que haberá agasallos irmandiños para quen sele a ruta completa, ademais de participar nun sorteo de produtos Estrella Galicia.

Sen saír do apartado gastronómico, a celebración da Cea Medieval do venres 30 de xuño reunirá no foso do castelo a medio milleiro de persoas vestidas para a ocasión. Xa non quedan entradas para este evento, pero en cambio, as portas abriranse a partir de medianoite para gozar dunha noite de concertos de entrada libre no castelo de Vimianzo. Animación co bufón Dani Blanco e malabares Américo, queimada con druída e música con Cé Orquestra Pantasma, De Vacas e Monoulious Dop.

Unha xornada sen fin

No día grande, do sábado 1 de xullo, ademais da Feira Artesanal, con récord de postos inscritos, sucederanse ao longo de toda a xornada actividades diversas para todos os públicos: xadrez, xogos, concertos ou a novidosa realización dunha escultura con motoserra, con espectáculo de corte de tronco de aizkolari.

Non poden faltar os grandes referentes da xornada, como son o Asaltiño, a feroz batalla de auga para nenas e nenos; a Historia Dramatizada do Castelo; o desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira e o izado da bandeira irmandiña.

Canto á música na rúa, xa comeza en sesión vermú, con Javi Sampedro e Suso Quinito: Uma Viagem Musicada pela História da Língua Galega, Terra Morena: Cantar Zeca Afonso e os Cantos de Taberna: Mestura Fol.

Á tarde, Vimianzo vive o frenesí musical do Des-concerto de IGMIG, os Gaiteir@s de Buxantes, a Batucada das Curandeiras, Medio Quinhón de Burela, a Batucada Rapacollón´s Big Band Fisterra e DIDGETOMM & Dance Machine.

Este fío musical imparable moverase cara ao campo da festa do Asalto, onde comezarán a soar as Tanxugueiras a partir das 22h. As entradas para este concerto están dispoñibles en woutick.es.

Co espírito cheo de enerxía tralo concerto, chega o momento álxido da festa: o propio Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o público se convirte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse dirixíndose á fortaleza con fachos, ariete, berros e batalla de auga. Unha peza teatral que, inspirada no espírito irmandiño, leva as revoltas aos tempos actuais.

Tomado o castelo, recollen o testemuño musical dous concertos emotivos, o de Huntza, unha das poucas ocasións para ver os vascos en Galicia antes de que se retiren dos escenarios; e o de Lamatumbá, neste caso un dos primeiros concertos do seu regreso aos palcos. Fecha a noite, Festicultores Troupe, deixando folgos para quen consiga erguerse o domingo e coñecer o castelo coas visitas guiadas e as teatralizadas dos Quinquilláns, e tomar o vermú de despedida con Medio Quinhón na Praza Castelao.

Unha festa colectiva

Na presentación da mañá deste venres participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o portavoz da organización, Manuel Rial; José Luis Gómez, delegado comercial de Estrella Galicia; Marta Miñones, da asociación AXVALSO e Maica Suena, da asociación Cherinkas.

O portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial, insistiu na “natureza diversa e diversificada das actividades, feitas para maiorías e minorías, e no eixo teatral, musical, gastronómico e mesmo deportivo da festa, sen perder de vista a reivindicación dunha revolta histórica traída ao presente”.  

Pola súa parte, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, non só recalcou a importancia desta festividade no presente na que “tanto veciños e veciñas viven momentos inesquecibles”, senón que tamén puxo sobre a mesa a necesidade de seguir traballando e loitando por un evento “que pasará ás vindeiras xeracións para manter vivo o lume irmandiño”.

O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de colectivos sen ánimo de lucro. As asociacións Cherinkas e AXVALSO e o Concello de Vimianzo son as entidades organizadoras do evento, mais outras persoas e entidades da vila e comarca fan posible a celebración da festa.