Guía útil

Coñeces Vimianzo?

Á parte das numerosas actividades programadas para todo o día do asalto, os amantes do patrimonio e da natureza poderán:

  • Visitar o Castro das Barreiras, en plena vila de Vimianzo e ao lado da estrada comarcal que vai a Fisterra.
  • Realizar unha ruta de sendeirismo polos sorprendentes Penedos de Pasarela.
  • Visitar os batáns do Mosquetín, un dos poucos exemplos que quedan deste aproveitamento da auga para o uso textil.
  • Para relaxarse, gozar das idílicas e numerosas praias que rodean o concello.
  • Realizar unha ruta polos numerosos monumentos megalíticos do concello, guiados pola Ruta dos dolmens.
  • Visitar outro dos símbolos medievais de Vimianzo: a vila do Porto de Cereixo. Igrexa románica, pazo das Torres, vello porto, enorme hórreo, muíño de mareas… Que máis podes pedir?

Máis info sobre Turismo de Vimianzo na web e nas súas redes sociais.

Accesibilidade

A organización ten en conta a accesibilidade á festa para que poida ser desfrutada por todas as persoas. No que se refire aos espazos da mesma, ao ser celebrada en múltiples lugares cada un ten as súas propias características aínda que todos coinciden en estaren adaptados para moverse en cadeira de rodas. A rúa, as prazas e toda contorna urbana onde transcorre a festa está adaptada mediante rampas de acceso ás beirarrúas e outras barreiras físicas que puidesen existir.

Do mesmo xeito, no castelo de Vimianzo tamén se pode transitar por toda a súa parte baixa, interior e exterior, e conta con baños adaptados para persoas con mobilidade reducida. Así tamén o foso, con acceso en rampa desde unha finca lindante que se coloca para a ocasión (venres para a cea medieval e sábado para o Asaltiño e a noite do Asalto ao Castelo).

A zona de concertos tamén está libre de barreiras arquitectónicas, e a zona de acampada ten diferentes lugares accesibles ao igual que os baños e duchas adaptadas localizadas no Ximnasio Municipal.

Ademais da eliminación de barreiras arquitectónicas, a organización está sempre aberta ás demandas e ten disponible unha plataforma para que as persoas en cadeira de rodas poidan gozar dos concertos se así o solicitan.  Do mesmo xeito, baixo petición tamén poden ver desde o propio castelo a representación do Asalto ao Castelo. Do mesmo xeito, permítese o acceso ao recinto dos concertos a cans-guía oficialmente documentados e que non sexan un risco para outras persoas. Toda persoa que desexe solicitar estas cuestións só ten que comunicalo ao persoal da organización. Para calquera problema ou necesidade non dubides en contactar con nós.

Díptico

Descarga aquí o díptico oficial do Asalto ao Castelo 2022