Xa podes inscribirte na quinta edición da Legua Irmandiña

Xa van cinco edicións da carreira do Asalto ao Castelo que dá inicio deportivo á gran semana da festa irmandiña. Unha carreira consolidada que busca un oco entre as citas singulares do atletismo galego. A fermosa meta que é o propio castelo de Vimianzo, no momento do luscofusco, chegando directamente a través da súa antiga ponte levadiza sobre o foso é un fantástico reclamo. Ademais, como curiosidade a carreira da categoría absoluta ten como distancia unha legua, unha vella unidade de medida, que daría ao cambio uns cinco quilómetros e medio.

A cita, que se celebra o sábado 29 de xuño, está organizada polo club de atletismo Terra de Soneira, a asociación Cherinkas e o Concello de Vimianzo. Nela todas as idades teñen acobillo nas distintas categorías que conforman a Legua Irmandiña.

CONSULTA AQUÍ AS BASES

Para controlar as probas estableceranse controis de cronometraxe por chip. A proba de categoría pitufo finaliza na praza do concello. O resto das carreiras terán a saída na praza do concello e a meta no castelo de Vimianzo.

Será obrigatorio o uso de chip e dorsal para todas as categorías (facilitado pola organización), agás pitufo.

O horario de apertura das mesas na praza do Concello será a partir das 19:30. Os dorsais e chips poderanse recoller até 30 minutos antes do inicio da proba.

Premiados na IV Legua Irmandiña – Categoría absoluta

Premiadas na IV Legua Irmandiña – Categoría absoluta

A data límite de inscrición para todas as categorías será o xoves 27 de xuño ás 23h59. Realizaranse a través da páxina web www.galitiming.com, tanto para os deportistas de categoría absoluta, coma para os de categoría inclusiva e de base. Custará 5€ para categoría absoluta e gratis para o resto de modalidades.