Feira Artesanal
Con motivo da celebración da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, a A.C. CHERINKAS nesta XXV edición impulsa a X FEIRA ARTESANAL que se celebrará o sábado 2 de xullo de 2022.
Encadrada no programa de actividades do Asalto ao Castelo, volverá ter cabida na praza do Concello e na rúa Vázquez Mouzo e contará cos atractivos derivados da ampla variedade artística que animará esa zona en todo momento.
O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto, os interesados en participar deberán ter en conta e aceptar as seguintes bases:
-Débese formalizar a inscrición en tempo e forma. O prazo para inscribirse remata o xoves 30 de xuño. A inscrición será realizada de forma telemática a través do formulario que aparece máis abaixo.
-Debe aboar 20€ por cada tramo de 3 metros de posto (de 1 a 3 metros=20€, de 4 a 6metros=40€ e de 7 a 9 metros=60€), en concepto de fianza. O ingreso realizarase no seguinte número de conta (ES14 2080 0082 4630 4000 8967 – Abanca). A metade dos cartos ingresados seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que a outra metade servirá como fondo para a colaboración coa festa do Asalto ao Castelo.
-Debe achegar xustificante de pago, onde figure o nome e apelidos do feirante, o nome do posto e sinalando como concepto “FEIRA ARTESANAL”. Este pode ser fotografado ou escaneado e enviado a través do formulario que abaixo consta, ou mediante a conta de correo (info@asaltoaocastelo.gal).
-Os postos colocaranse por orde de chegada nas zonas habilitadas para tal efecto o día da feira. Haberá zonas nas que estará prohibido colocarse, debido a que se utilizarán por parte da organización da festa, necesarias para a realización das diversas actividades dese día (ver plano ex profeso). En caso de que varios postos cheguen ao mesmo tempo terase en conta a orde de inscrición.
-Non se aceptan postos de revenda nin de produtos de segunda man, tan só postos de venda de produtos artesanais.
-Non se aceptan postos que ofrezan comida ou bebida. Porén, si se aceptan os produtos ecolóxicos/naturais, sempre que non estean destinados a seren consumidos durante a feira.
-Prégase que estea decorado e ambientado ao xeito do medievo na medida do posible.
-Prégase que os feirantes vistan ao xeito medieval, co fin de non desentoar no ambiente da festa.
-A organización resérvase o dereito a excluír, o propio día da feira, a aqueles postos que non cumpran coas bases aquí establecidas, quedando estes fóra da feira artesanal. No suposto caso de realizar o ingreso e non cumprir coas bases actuais, os cartos non lle serán reembolsados. Do mesmo xeito, os cartos tampouco lle serán reembolsados se finalmente o posto non puidese asistir á feira.
Para máis información: info@asaltoaocastelo.gal
Formulario para reserva de espazo na Feira