A Festa

O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha singular festa que se celebra o primeiro sábado de xullo desde hai máis de dúas décadas. Unha celebración que nacía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. Ese espírito segue vivo, a entidade organizadora é Cherinkas, sen ánimo de lucro e formada por xentes da Terra de Soneira, coorganizador xunto co Concello de Vimianzo e Axvalso (entidade que iniciou a festa), alén da colaboración doutros colectivos sociais de toda a comarca.

O Asalto inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual. Nestes anos conmemorarase os 550 anos da derrota irmandiña.

A representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público. Os asistentes convértense en asaltantes e comparten escena coa persoa guerreira, meiga, defensores e todos aqueles personaxes que se vaian creando para cada edición en historias diferentes. Estes personaxes guían aos participantes nun percurso físico cara ao castelo, onde se realiza a toma simbólica do mesmo.

O espectador pasa a sentirse un irmandiño máis, levándoo a vivir unha aventura fascinante: deixarase hipnotizar pola meiga, usará fachos para alumear o camiño, levará un ariete para romper a porta da fortaleza, loitará contra os defensores con globos de auga como única arma e deixarase encantar por cada un dos feitos que acontezan.

A representación teatral supón o eixo da festa no que se encaixan os concertos da noite, todos con ton reivindicativo ou sons das músicas do mundo, onde non pode faltar o folk. Pero hai máis, ao longo de todo o día quen se achegue a Vimianzo ten un grande repertorio de actividades ás que acollerse. Pensadas tanto para pequenos como para maiores, ambientadas, por suposto, no espírito medieval. Entre elas destaca a gastronomía, cos Pinchos Irmandiños (petiscos do século XV na hostalería local).

Dado que o festival é de entrada libre non hai sistemas de control de público exactos, mais coas estimacións pertinentes de aforo e aglomeración de persoas estímase que na noite do Asalto viven a festa entre 6.000 e 7.000 persoas.

En definitiva, esta é a festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, a gran festa irmandiña de Galicia. Unha festa referente e diferente ás demais feiras históricas: feita polo pobo e na que ninguén se sinte estranxeiro.