Manu Chao acústico actuará nun histórico Asalto ao Castelo de Vimianzo

Anunciábase bombazo, e non é para menos. Tras moitos anos de traballo, tentando conseguilo, por fin chegou o momento. O artista de sona internacional, Manu Chao estará en Vimianzo o sábado 6 de xullo. Unha oportunidade única, pois é un dos poucos concertos que ofrecerá en Galicia en 2024.

El Chapulín solo, Manu Chao en formato acústico, chega cun formato perfecto para o ton do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha festa inspirada nas revoltas irmandiñas do século XV, actualizadas e reinterpretadas no presente. O artista de raíces vilalbesas, aproveitará a súa breve estancia en Galicia para visitar Vimianzo, un festival moi singular celebrado na Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte.

Manu Chao abrirá a noite de concertos do sábado, antes da propia toma do castelo, e formando parte dun amplo cartel musical que aínda está por desvelar. Dous días de concertos e con nomes e grupos destacados do panorama nacional e internacional da música de raíz e combativa.

Como na edición anterior, o seu concerto será un evento especial para o que haberá que conseguir entrada. Non será así para o resto de actividades dos máis de dous días de festa, polo que continúa sendo de entrada gratuíta tanto a representación teatral do Asalto como os concertos de toda a madrugada posterior, que se desvelarán proximamente.

As entradas para o concerto de Manu Chao acústico poranse á venda o xoves 4 de abril ás 12h00 en woutick.es, cun prezo de saída de 15 euros. Unha oferta con entradas limitadas antes de que teñan o prezo ordinario de 20€ online e 25€ no despacho de billetes presencial o propio día do evento.

A gran festa irmandiña da Costa da Morte está organizada por colectivos sen ánimo de lucro, a asociación cultural Cherinkas, Axvalso e o Concello de Vimianzo. Conta coa colaboración da Deputación da Coruña e o patrocinio de Estrella Galicia, entre outros.