Reservas esgotadas para a Cea Medieval, entrada libre a partir de medianoite

Unha das actividades do Asalto que esperta máis interese é a Cea Medieval. Con doce edicións, xa é unha das actividades máis esperadas do Asalto. Cada ano aumenta o número de peticións de entradas para degustar un menú propio da época no venres previo ao Asalto, o 30 de xuño. O entorno no que se sitúa a cea, o foso do castelo, é un dos elementos que máis atrae ás xentes, sendo tamén o que limita o evento, pois nel non podemos reunir máis de 500 comensais.

Despois dos dous prazos de venda, primeiro para colaboradores, voluntarios e patrocinadores, e despois para público xeral, xa están esgotadas as entradas. O evento comezará a partir das 21h, coa apertura de portas e o enlace irmandiño. A comida comezará a se servir ás 21h30. É obrigatorio asistir con roupa de época.

Dunha vez que remate a cea, a partir das 00h30 abrimos as portas con entrada libre e gratuíta para gozar da queimada e da noite de concertos. Tocará cantar e rir no castelo de Vimianzo coa banda De Vacas, que coas súas fermosas voces versionan os hits do momento en ton satírico, e Monoulious DOP, cargados de retranca e sons hiperbailables.