Lamatumbá, Huntza e Festicultores únense a Tanxugueiras na noite do Asalto ao Castelo

O Asalto ao Castelo vén de anunciar os grupos que compoñen o cartel do festival do 30 de xuño e do 1 de xullo en Vimianzo. Únense ás Tanxugueiras Lamatumbá, Huntza, Festicultores Troupe, De Vacas e Monoulious DOP.

Dous destes concertos terán un significado especial, un de regreso e outro de despedida. Os que volven, o mítico grupo de raíces ourensás Lamatumbá, que por fin pisará o torreiro irmandiño, tralo seu esperado retorno. Será un concerto ben especial no que poder bailar e cantar grandes éxitos como “Licor café” ou, o que podía ser himno do Asalto, “Lume”.

Por outra banda, o concerto de Huntza en Vimianzo será das últimas oportunidades para ver en escena a este grupo vasco tralo seu comunicado de despedida. “Huntza”, que significa “hedra”, é o nome dunha banda que naceu das foliadas de Bilbao, do trikipoteo universitario, para conseguir situar varios dos seus temas como os máis exitosos en lingua éuscara, chegando a colaborar con artistas como Julieta Venegas.

Para a noite posterior á Cea Medieval, do venres 30 de xuño, tocará cantar e rir no castelo de Vimianzo coa banda De Vacas, que coas súas fermosas voces versionan os hits do momento en ton satírico, e Monoulious DOP, cargados de retranca e sons hiperbailables.

Como este último grupo, tamén repiten no Asalto os Festicultores Troupe, garantía de diversión por parte destes cultivadores de festas.

O festival do Asalto ao Castelo fai desta maneira un bo avance do seu cartel musical, aínda que quedan máis novidades musicais por anunciar que completan o seu intenso programa de actividades.

Para facer sustentable a festa e cartel musical, a organización decidiu este ano potenciar o primeiro concerto da noite, con Tanxugueiras, facendo del un evento especial, para o que haberá que retirar entrada. Non será así para o resto de actividades da festa, polo que continúa sendo de entrada gratuíta tanto a representación teatral do Asalto como os concertos de toda a madrugada posterior. As entradas para Tanxugueiras están á venda en woutick.es cun prezo de saída rebaixado.

Casting teatral e feira artesanal

Precisamente, esta semana vén de abrirse o prazo para inscribirse na Feira Artesanal, cun notable éxito no ritmo de inscricións, superando xa os 30 postos participantes. Para participar vendendo produtos ecolóxicos e artesanais, deben inscribirse a través da web www.asaltoaocastelo.gal

Por outra banda, este sábado 13 de maio ás 20h30 celébrase no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo o casting para buscar actrices e actores voluntarios para a representación teatral do Asalto ao Castelo. Procúranse persoas de todas as idades para encarnar a peza dirixida por Guillermo Méndez da que se darán os detalles e novidades in situ.