Tanxugueiras abre un novo formato de Asalto ao Castelo

Tras máis de 25 edicións e con tantas actividades diversas ao seu redor, o Asalto reivindica este ano a súa forza como festival. Non en van é unha das referencias musicais do verán na Costa da Morte, con dous días de concertos e con nomes e grupos destacados do panorama nacional e internacional da música de raíz e combativa.

Tanxugueiras é o primeiro grupo anunciado do festival que se celebra o sábado 1 de xullo. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son os ben coñecidos nomes das pandeireteiras que levaron a música tradicional ao top de reproducións e vendas, co seu aire característico, fusión de ritmos urbanos próximos ao trap e electrónica, o que deron en chamar “trad”.

A súa enerxía e contundencia, e a reivindicación do empoderamento feminino acenderán como poucas os corazóns irmandiños, antes da representación do propio Asalto ao Castelo que ten lugar a medianoite.

Para facer sustentable a festa e cartel musical, a organización decidiu este ano potenciar o primeiro concerto da noite, facendo del un evento especial, para o que haberá que retirar entrada. Non será así para o resto de actividades da festa, polo que continúa sendo de entrada gratuíta tanto a representación teatral do Asalto como os concertos de toda a madrugada posterior.

As entradas para o concerto das Tanxugueiras xa están á venda en woutick.es, cun prezo de saída de 8 euros. Unha oferta con entradas limitadas antes de que teñan o prezo ordinario de 12 euros online e 15 no despacho de billetes presencial o propio día do evento.

Casting teatral

Por outra banda, a maquinaria da festa xa está engraxada, e comezan os diferentes preparativos. Entre eles, xa está marcada na axenda a primeira cita para buscar actrices e actores para a representación teatral. Dirixida por Guillermo Méndez, a peza teatral serve de motor para quentar ao público que se convirte en irmandiño, para asaltar a fortaleza no medio dunha procesión de fachos e tambores. Para participar hai que presentarse o sábado 13 de maio ás 20h30 na Casa da Cultura de Vimianzo.