Unha ducia de hostaleiros participan na XIII edición dos Pinchos Irmandiños
O roteiro gastronómico terá lugar do martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo, en horario mínimo de 12:00h a 15:00h e de 19:00h a 23:00h.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, presentou hoxe a XIII edición dos Pinchos Irmandiños xunto ás concelleiras Rosa Blanco e María José Pose e varios dos hostaleiros participantes neste programa. O roteiro gastronómico estará composto de 12 locais e terá lugar do martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo, en horario mínimo de 12:00h a 15:00h e de 19:00h a 23:00h.
A alcaldesa recoñeceu o labor e o esforzo dos hostaleiros nun momento moi complicado para o sector e despois de dous anos de restricións por mor da pandemia. “Quero facer un agradecemento especial a todos os hostaleiros de Vimianzo neste momento polo que pasan e quero que saiban que sen eles a organización deste ano non sería posible. O voso traballo é un orgullo para todo o noso Concello”. Pola súa banda, o representante dos hostaleiros, Carlos Gómez, do Bar Celme, lembrou que “foron ano duros estes dous últimos anos pero intentarémolo facer o mellor posible estou convencido de que imos sacar o traballo adiante. A variedade é extensa, doce creacións excelentes para esta edición”, sentenciou.
Os locais participantes serán o Restaurante Montevideo, co petisco Tesouros de Sabadelle; a Cervexaría Risco, coa súa Torrada de Moscoso; Bodegón A Lareira, Porco con bólas caídas de catapulta; O Petouco, co Torreón Irmandiño; O Agocho, co Enrolado da Santa Irmandade; Panadaría Perla , co niño do Castelo; restaurante A Lagoa, co Companagium; Algareira, Torreón Cake; Café Celme, cun Desexo carnal; o Café Bar A Rúa, co Bocado do Mar de Sabadelle; Pan Ignacio coas tetiñas da Condesa; e o Restaurante Vía Rápida, co O.P.C.
Este ano volverán os agasallos irmandiños para as persoas que selen a ruta completa (12 selos). O cartón terase que depositar en calquera dos seguintes locais: Café Bar A Rúa, Restaurante Vía Rápida e Restaurante Montevideo. E deberán ter os datos de contacto cubertos e indicar o que, na súa opinión, é o mellor petisco e o local mellor decorado.
Ademais, entre os que completen a ruta sortearase un lote de produtos ESTRELLA GALICIA en función do peso da persoa gañadora. O prezo do Pincho Irmandiño será de 2,50 euros e o Pincho Irmandiño más un quinto Estrella Galicia ou auga será de tres euros.
