Abertas as inscricións para a carreira da Legua Irmandiña

A única carreira de Galicia cunha legua de distancia e con meta nun castelo medieval celébrase en Vimianzo. O sábado 25 de xuño a VI Legua Irmandiña será a que dea a benvida á celebración das 25 edicións do Asalto ao Castelo de Vimianzo. As diferentes categorías irán saíndo a partir das 21h, para aproveitar o momento do luscofusco e ter unha chegada máis fermosa aínda sobre a antiga ponte levadiza do castelo á luz dos fachos. A distancia da categoría absoluta é de unha legua, unha vella unidade de medida, que daría ao cambio uns cinco quilómetros e medio.

A cita está organizada polo club de atletismo Terra de Soneira, a asociación Cherinkas e colabora o Concello de Vimianzo. Nela todas as idades teñen acubillo nas distintas categorías que conforman a Legua Irmandiña.

Os actos da proba concluirán cunha cerimonia de entrega de premios no castelo e o avituallamento. Haberá cinco saídas para as diferentes categorías.

Para controlar as probas estableceranse controis de cronometraxe por chip. A proba de categoría pitufo finaliza na praza do concello. O resto das carreiras terán a saída na praza do concello e a meta no castelo de Vimianzo.

A data límite de inscrición para todas as categorías será o xoves 23 de xuño ás 23h59. Realizaranse a través da páxina web www.galitiming.com, tanto para as deportistas de categoría absoluta, coma para as de base. Custará 5€ para categoría absoluta e gratis para o resto de modalidades.

O horario de apertura das mesas na praza do Concello será a partir das 19:30. Os dorsais e chips poderanse recoller até 30 minutos antes do inicio da proba. Será obrigatorio o uso de chip e dorsal para todas as categorías (facilitado pola organización), agás pitufo.

INSCRICIÓNS E MÁIS INFO