Vimianzo prepárase para a Revolta dos 25 Asaltos ao Castelo

Declarada recentemente como Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase o venres 1 e o sábado 2 de xullo

Vimianzo deu a coñecer esta mañá todos os detalles para unha celebración moi agardada, logo de dous anos de parón pola pandemia da COVID-19: o XXV
Aniversario do Asalto o Castelo, que vén de ser declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia polo Consello da Xunta de Galicia. Neste recoñecemento valorouse especialmente a singularidade dunha celebración única na que se funde o actual coa inspiración medieval das revoltas das irmandades no século XV, sendo fiel o seu espírito reivindicativo e de loita. Gastronomía, teatro, espectáculo, deporte e, especialmente, música van da man nunha cita que se celebrará o venres 1 e o sábado 2 de xullo.

Esta mañá citáronse no patio de armas do Castelo de Vimianzo a alcaldesa, Mónica Rodríguez; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; a xefa da Área de Turismo da Xunta de Galicia, Ana Teresa Cimas; o deputado provincial, José Manuel Pequeño; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; a concelleira de Benestar Social, María José Pose; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; Alba Mancebo, en representación da Asociación Cherinkas, Marta Gayoso en representación de Axvalso, Michel Antelo e diversas persoas moi vencelladas á organización deste evento.

“Benvidas e benvidos a este paraxe incomparable, onde estamos aquí para presentar os 25 anos do Asalto dous anos despois dun parón que nos doeu moito a todos, unha festa que para Vimianzo é un acontecemento moi importante”, comezaba a rolda de intervencións Alba Mancebo, en representación da
Asociación Cherinkas. Debullou a presentación e destacou que “este ano o festival serán dous días, xa que haberá concertos dous días e convidou á xente a “visitar a páxina web do Asalto para visualizar a cantidade de actividades que se levarán a cabo”.

A continuación, Marta Gayoso, de Axvalso, destacou que “estamos aquí reunidos presentando a programación da festa da veciñanza, a festa máis gamberra. Para min a máis emotiva, porque alá polos anos 90 do século pasado, xa andaba alzando o facho ao berro de lume”.

Pola súa banda, Míchel Antelo, quixo transmitir cunha camiseta dunha edición pasada “a importancia do paso do tempo, e o preciso que é que veña xente con forza para que sigamos entre todas e todas establecendo pontes entre todas e todos para que esta festa non decaia”.

Ana Teresa Cimas, xefa da área provincial de Turismo da Xunta de Galicia, agradeceu “a invitación a este sitio tan fantástico para asistir hoxe á presentación dunha festa que vén de proclamarse Festa de Interese Turístico de Galicia. Un proceso complicado, difícil e no caso do Asalto, poñerá a Vimianzo no panorama turístico non só de Galicia, senón tamén nacional”.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, tamén quixo “agradecer o convite á que é a nosa casa, un edificio representativo da historia de Galicia e modelo de xestión dunha administración local e doutra administración local, onde o máis importante non é quen é propietario, senón quen o xestiona.

Para nós é un orgullo que un patrimonio da que é titular a Deputación sexa capaz de albergar toda unha Festa de Interese Turístico de Galicia”, e quixo destacar que “a celebración sexa posible ó longo de 25 anos e polo esforzo de asociacións como Cherinkas e Axvalso, sen as cales sería imposible estar hoxe aquí”.

Por último, a rexedora comezou a súa intervención agradecendo “tanto ás persoas presentes como as que non poden asistir hoxe, pero que dunha maneira e outra levan o espírito irmandiño aló por onde van”. Rodríguez recalcou “o orgullo que é para Vimianzo poder festexar 25 anos do Asalto ó Castelo co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia” e o “sentimento” que supón para todo o pobo de Vimianzo. “Grazas Cherinkas. Grazas Axvalso. Grazas a tantísimos e tantísimos nomes que hoxe é imposible enumerar por falta de tempo pero que teñen a “culpa” de que hoxe poidamos presentar unha cita que nos ilusiona a todas e todos por igual”, subliñou, para rematar convidando a todas as persoas que o desexen a pasar unhas xornadas inolvidables no contexto do Asalto. “Lume!”, rematou a alcaldesa.

A organización ten preparadas diferentes actividades para as semanas previas, sábado 2 de xullo.

Precisamente, para a noite do propio venres está prevista a celebración dun festival a partir de medianoite, con Cé Orquestra Pantasma, Monoulious DOP e A Banda da Balbina, despois dunha batalla de queimadas. O sábado 2 de xullo, o gran festival da noite contará coas actuacións de SÉS, Nativa, Talco e Tandub. Non serán as únicas actuacións do día, xa que ao longo da xornada poñerán o carácter musical grupos como Los Jinetes del Trópico, Teima e Sapoconcho sem poncho, e mesmo haberá sesión vermú itinerante con Lilicleta.

Na medianoite do sábado, entre os concertos, chega o momento álxido da festa: o propio Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o público se converte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse dirixíndose á fortaleza con fachos, ariete, berros e batalla de auga.

Reunidos na praza do Concello, escoitarase o pregón da festa e levantarase a bandeira ao son da Muiñeira de Vimianzo, unha composición creada polo grupo de Burela Medio Quinhón inspirada no Asalto ao Castelo e que será presentada oficialmente nese momento.

Antes diso, pequenos e maiores gozarán do Asaltiño, unha gran batalla de auga nunha representación do Asalto adaptada para a rapazada, que será en horario de 16:30 a 17:40 horas.

Durante o resto do día grande, o sábado 2 de xullo, nas rúas de Vimianzo desenvólvese a X Feira Artesanal e haberá múltiples actividades: xogos, obradoiros de combate e moda medieval, a visita teatralizada no Castelo polo alumnado do IES Terra de Soneira e a música de rúa da A. C. Trubisquiña, Batucada As Curandeiras-Kosoko Nasera, Medio Quinhón e Batucada Rapacollón´s Big Band
Fisterra.

O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello de Vimianzo son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa.

Podes ver o programa completo da festa neste enlace.