Aberto o prazo de inscrición da feira de artesanía do Asalto

Xa van dez edicións da feira de artesanía do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha actividade que dinamiza a festa durante todo o día do sábado 2 de xullo, e que serve como escaparate de artesáns locais e de toda Galicia de produtos ecolóxicos e manufacturados. A feira, que se celebra na contorna da praza do Concello, compleméntase coa oferta lúdica de actividades, música e celebración nas rúas da vila, alén da Mostra de Artesanía ao Vivo que se poderá ver a pleno rendemento no interior do castelo.

O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto e remata o xoves 30 de xuño. Cómpre lembrar que na X Feira de Artesanía non se poden vender produtos destinados a seren consumidos durante a propia feira, algo que diferencia esta feira de calquera outra do estilo, na que se potencia polo tanto o consumo na hostalaría local. Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto ao estilo do medievo e tamén ir vestidos da época.

Para participar, débense aboar 20€ por cada tramo de 3 metros de posto en concepto de fianza. A metade dos cartos ingresados seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que a outra metade servirá como fondo para a colaboración coa festa. Para inscribirse débese cubrir este formulario, onde tamén se poden consultar as bases completas.