O Asalto busca actrices e actores

O Asalto ao Castelo vai collendo forma e dentro de pouco comezarán os ensaios para a singular representación nocturna que se celebrará na medianoite do sábado 2 de xullo. É o punto álxido da festa, cando os irmandiños toman a fortaleza no medio do festival musical cun guión creado e dirixido polo vimiancés Guillermo Méndez.


VIMIANÇUS é a epopea do cuarto de século do Asalto ao Castelo, narrada a través da lenda dunha moza meiga campesiña destinada a liderar unha das revoltas irmandiñas do século XV que liberaría aos labregos oprimidos e acabaría cos nobres tiranos.


Dividido en catro actos, na peza confundirase a historia da rapaza con feitos acontecidos ao longo dos diferentes anos do festival irmandiño. Un traxecto evolutivo repleto de dificultades, renuncias e traxedias que axigantan a épica tanto da protagonista como do festival ata acadar o tan especial aniversario orgullosos da valentía e tenacidade demostradas.


A obra contará co seu compoñente imprescindible, a mestura de pasado e presenta, cunha crítica á sociedade actual: impasible, conformista e servil. Agochada nun modesto formato de fábula os personaxes son animais tales como lobos e porcos.


Convocatoria para o casting
Quen queira participar, terá que acudir ao casting que se celebrará o sábado 21 de maio ás 20h no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, onde se dará conta de máis detalles sobre os papeis e argumento da peza deste ano.


Procúranse persoas voluntarias de diferentes idades, polo que non hai límites específicos, máis que a petición de compromiso cos ensaios e as ganas de pasar unha noite moi especial facendo parte da propia historia da festa.