O Asalto é por fin Festa de Interese Turístico de Galicia

O Consello de Turismo da Xunta avalou co seu apoio unha declaración que abre portas á festa

O Asalto ao Castelo de Vimianzo vén de conseguir a súa catalogación como Festa de Interese Turístico de Galicia, despois de contar co informe favorable por parte do Consello de Turismo da Xunta de Galicia.

Este ano, trala cancelación da festa durante dúas ocasións por mor da pandemia, conmemóranse 25 edicións, e “que mellor maneira de facelo que coa denominación que hoxe se fai realidade”, apuntan desde o Concello.

“Moitos son os colectivos implicados en que hoxe, xoves 17 de marzo, isto sexa posible”, anota a alcaldesa, Mónica Rodríguez, “a destacar Cherinkas e Axvalso, a veciñanza, o equipo humano dos departamentos de Turismo e Cultura do Concello de Vimianzo e tamén á hostalaría local, moi implicada no noso Asalto cos pinchos irmandiños”.

O Concello de Vimianzo remitíralle á Xunta de Galicia en xullo de 2019 a solicitude xunto cun completo informe no que se daba conta do cumprimento da totalidade dos requisitos. Tres anos despois, rubrícase esta decisión. A partir de agora, a festa poderá acceder a axudas para impulsar a súa promoción e contribuír a reforzar a autenticidade de Galicia como destino.

O Asalto ao Castelo de Vimianzo é unha singular festa que se celebra o primeiro sábado de xullo desde hai máis de dúas décadas. Unha celebración que nacía no seo dunha asociación de amigos e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e comarca. Ese espírito segue vivo, a entidade organizadora é Cherinkas, sen ánimo de lucro e formada por xentes da Terra de Soneira, coorganizador xunto co Concello de Vimianzo e Axvalso (entidade que iniciou a festa), alén da colaboración doutros colectivos sociais de toda a comarca.

O Asalto inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual. Nestes anos conmemorarase os 550 anos da derrota irmandiña.