Volve o Asalto ao Castelo de Vimianzo con Sés e Talco

O festival consolida os grupos anunciados en 2020 co ánimo de recuperar a normalidade e celebrar finalmente as 25 edicións

Despois de dous anos sen se celebrar, o festival irmandiño da Costa da Morte volve á loita sen perder a súa esencia asociativa. Antes do confinamento de marzo de 2020, a organización xa estaba plenamente inmersa na celebración do 25 aniversario e tiña anunciado dous grupos para o gran cartel musical desta efeméride. Unha vez recuperados, decidiuse recuperar a forza dese cartel e apostar por consolidar e non deixar pasar a oportunidade de desfrutar de Sés e Talco no campo da festa da Torre.

Talco

En pouco máis de quince anos desde a súa creación e con sete álbums publicados, a italiana xa é unha das bandas de ska máis importantes da escena en Europa. Talco xurde en Marghera, Venecia, como un grupo ska e punk, que logo vai conseguir éxito en todo o país e fóra das súas fronteiras. O seu son é contundente, con moita enerxía no escenario, característicos polos seus ventos e que por veces lembra á música de circo e folk italianos. As súas letras cunha forte mensaxe política xa resoaron en festivais de primeira categoría da península Ibérica, Francia, Alemaña, Países Baixos…

Talco no Asalto ao Castelo 2020

Sés

Presentará o seu último traballo discográfico Liberar as arterias co que segue evolucionando o seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que se inclúen unha escolma de cancións con letra e música composta pola propia cantora. Un sétimo disco que mantén e potencia a súa valente mensaxe, e no que percorre América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira.

SÉS vén de se converter nunha das artistas de maior éxito na Galiza polo seu carisma e discurso así como pola forza e calidade das súas cancións, que a levaron a actuar en festivais e teatros de toda a península Ibérica e neste ano mesmo a percorrer a América que tanto a inspira.

Retomar o asociacionismo trala pandemia

O Asalto ao Castelo de Vimianzo celebrou este pasado sábado unha exitosa reunión aberta á veciñanza, na que se conseguiu convocar a unha trintena de persoas. Nesta xuntanza deuse mostra do apoio social á celebración despois da paralización provocada polos efectos da crise sanitaria.

Nas dúas horas de convocatoria falouse das necesidades e novidades que traerá esta 25 edición e as tarefas que vai desenvolver cada persoa. Grazas ao traballo de persoas voluntarias e do Concello de Vimianzo conseguirase consolidar actividades de referencia na festa e potenciar eventos como a Cea Medieval, a ornamentación e ambientación de rúas, a Legua irmandiña e o programa musical. Para o mes de maio está prevista a celebración dun casting para comezar cos ensaios da peza teatral, que este ano dirixirá Guillermo Méndez.