A 25 edición do Asalto ao Castelo celebrarase en 2021

A organización decide cancelar a celebración do festival este ano por responsabilidade e a dificultade para a súa realización

Despois de debater e analizar a situación, as asociacións organizadoras e o Concello de Vimianzo cancelan a celebración no 2020 do Asalto ao Castelo. É unha decisión que se toma por responsabilidade e prevención sanitaria pola seguridade do público, ademais de ter en conta as medidas que se están a adoptar para loitar contra a expansión da Covid19. 

A difícil situación motivada pola epidemia, non só dificulta se non que fai imposible mesmo o traballo previo necesario para unha correcta realización do festival. Ademais, o traballo que xa tería que estar en marcha nestes momentos non se pode levar a cabo. Tendo en conta que esta é unha festa feita pola propia veciñanza na que a colaboración e traballo dos colectivos sociais son fundamentais, na actual situación de confinamento isto faise completamente inviable. No debate puxéronse sobre a mesa todas as opcións, mesmo o adiamento do festival, mais foron unanimemente descartadas.

A organización traslada a súa ilusión e esforzos para o sábado 3 de xullo de 2021, cando se poderá celebrar por todo o alto o 25 aniversario do Asalto ao Castelo, unha edición polo tanto aínda máis especial. O concello e asociacións organizadoras agradecen a comprensión da veciñanza e do público, e confía na enerxía coa que volverán as forzas irmandiñas o ano que vén.