Ses volve a Vimianzo para celebrar os 25 anos

Segunda confirmación e segunda volta para a artista Sés en Vimianzo. O Asalto ao Castelo que se celebra o sábado 4 de xullo vivirá a súa 25 edición coa forza desta artista bergantiñá.

Presentará novo traballo discográfico Liberar as arterias co que segue evolucionando o seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que se inclúen unha escolma de cancións con letra e música composta pola propia cantora. Un sétimo disco que mantén e potencia a súa valente mensaxe, e no que percorre América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira.

SÉS vén de se converter nunha das artistas de maior éxito na Galiza polo seu carisma e discurso así como pola forza e calidade das súas cancións, que a levaron a actuar en festivais e teatros de toda a península Ibérica e neste ano mesmo a percorrer a América que tanto a inspira.

A “cantareira” Sés, como ela mesmo se define, é o novo anuncio dun cartaz no que xa se coñece tamén o nome dos italianos Talco. A organización irá desvelando nas próximas semanas máis sorpresas que depara esta edición especial da festa.

Ses, no Asalto ao Castelo de Vimianzo