A calor irmandiña invade Vimianzo nun exitoso Asalto ao Castelo

Valoración extraordinaria da 24 edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo por parte da organización da festa. Miles de persoas encheron o campo da festa da Torre, sobre todo durante o concerto de Luar na Lubre e no momento álxido da celebración, o propio Asalto ao Castelo.

Concertos no Campo da Torre

Trala animación de todo o día con interesantes actividades para todas as idades, o Asaltiño para as crianzas fixo que a leve chuvia que fixo acto de presenza durante a tarde quedase nun débil competidor contra os centos de pistolas de augas de pequenas irmandiñas e irmandiños que loitaban contra os defensores do castelo para poder liberar á campesiña presa e tirar abaixo a porta do castelo co miniariete. Se o Asaltiño é vivir a historia dun xeito diferente e divertido, tamén o foi a seguinte actividade: unha gran representación dos feitos históricos e lendas do castelo encarnada por diferentes actrices e actores do instituto Terra de Soneira de Vimianzo, que sobrepasou o aforo previsto convertindo o patio de armas nun gran teatro.

A música da batucada da asociación feminista As Curandeiras unidas aos clásicos Kosoko Nasera foi todo un éxito que encheu de enerxía ao público irmandiño, especialmente cando deron inicio ao desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira. Desde a praza da Igrexa á do Concello veciñanza de Laxe, Zas, Camariñas, Camelle, Xaviña, Castrelo, Baíñas, Berdoias e Vimianzo vestidos de mariñeiros e campesiños encheron a vila de música e paixón irmandiña. Unha paixón e emoción que desprendeu a pregoeira da festa, a xornalista Alba Mancebo, que case non puido conter as lágrimas antes de pendurar a bandeira irmandiña no balcón do consistorio coa música de Medio Quinhón de Burela e a AC Trubisquiña.

Quedaba por diante un serán de festa e de múltiples concertos, con Monoulious DOP, Trampulleiro e Vai de Roda, que desembocou nunha auténtica marea irmandiña que cubriu o campo da festa da Torre, renomeado xa como praza do Asalto. Non era para menos, xa que alén da calidade musical de Luar na Lubre e os seus numerosos fans, xogaban na casa as soneirás Antía Ameixeiras e a vocalista Irma Macías, quen despois puido ter a sorte de formar parte do equipo irmandiño que turrou co ariete para derrubar a porta do castelo.


A representación teatral protagonizárona Bernal Eáns de Moscoso, o malo malísimo e director da peza, xunto co bispo Fonseca e a raíña Isabel de Castela. Do lado dos heroes, Alonso de Lanzós comandou o desfile de fachos e tambores que escoltaban o ariete até tomar a fortaleza por asalto, ardendo cos fogos de artificio. O público enfervorizado insultaba e berraba contra os señores, saltando de alegría cando se produce a definitiva vitoria do pobo.

Quedaba aínda moita noite por diante despois do Asalto, con grandes descubrimentos musicais para o público asistente que soaron moi ben e sen retrasos: os vascos Esne Beltza, os valencianos Mafalda e os galegos SkandaloGz.

A XXIV edición do Asalto ao Castelo deixa na organización un gran sabor de boca e forzas renovadas para afrontar e pensar xa na edición do cuarto de século en 2020.