Mafalda e Skandalo Gz fechan a noite do Asalto ao Castelo de Vimianzo

O XXIV Asalto ao Castelo de Vimianzo xa ten o cartel completo para a noite do sábado 6 de xullo. Dous grupos ben reivindicativos como os valencianos Mafalda e os galegos SkandaloGz fechan a noite, ligando o seu espírito coa revolución irmandiña. Na mesma noite tocarán os xa anunciados o referente folk Luar na Lubre e os vascos Esne Beltza, facendo do campo da festa todo un lugar propio para prender o lume necesario para derrubar a fortaleza vimiancesa.

A festa dos irmandiños da Costa da Morte está a celebrar os 550 anos deste acontecemento histórico (1467-1469). Neste ano termina a conmemoración coa lembranza da derrota das Irmandades por parte dos señores feudais.

Mafalda

A banda valenciana foi todo un fenómeno viral polo seu documental “Las que faltaban” (2018) sobre a pouca presenza de mulleres nos carteis musicais dos festivais. Un grupo loitador, reivindicativo e feminista con múltiples influencias musicais que van desde o reggae, ska, funky, punk e mesmo o hardcore. Desde a banda califícanse como “imprevisibles no son, coherentes na mensaxe e radicais para analizar os problemas”.

Aínda que comezan agora a soar con forza, Mafalda xa leva varios anos de carreira musical, desde o seu nacemento en 2010 en Valencia. En Vimianzo veñen cun novo álbum baixo o brazo: Palabras forman caos. A banda explotará no campo da festa da Torre todo o seu potencial irmandiño co seu espectáculo de “luz e ruído do bo”.

Skandalo Gz

Banda de ska/punk galega nacida en 2007 con base en Ponteareas. Con tres discos e máis de 10 anos de loita por toda Galicia e por España, o seu dinamismo dará remate aos concertos.

“Raiba e paixón” ou “Diversa e diferente” son os últimos singles desta banda guerreira, cun son tremendamente divertido que fará que as irmandiñas e irmandiños non deixen de saltar e bailar.