Vimianzo viviu un Asalto feminista e reivindicativo

O bo tempo acompañou á vixésimoterceira edición do Asalto ao Castelo, que encheu Vimianzo de música e festa nunha intensa fin de semana de rebelión. Trala exitosa cea medieval no foso do castelo e un emotivo casamento irmandiño entre unha vimiancesa e un carballés (como sorpresa e despedida de solteiro organizada polos amigos), chegou o gran día no que as actividades, feira de artesanía e pinchos irmandiños caldearon a mañá como previa da tarde guerreira que viña enriba.

O Asaltiño, a loita de auga entre as nenas e nenos (e os seus pais) e os defensores do castelo sorprendeu de novo á organización polo seu éxito crecente. O foso quedou pequeno para tanto público que chegaba desde  a praza do Concello ateigando a avenida de Fisterra nunha tarde na que se agradecían os frescos disparos de auga. A festa trasladabase inmediatamente ao interior do castelo cunha amena lección de historia do castelo, coa interpretación dos seus diferentes personaxes por parte de alumnado do Instituto Terra de Soneira, toda unha canteira actoral como se viu reflectido na propia representación nocturna.

Sen dúbida o momento máis emocionante da tarde chegaba coas Irmandades Parroquiais cando once parroquias de toda a comarca histórica da Terra de Soneira invadían a praza do Concello cos seus tambores, gaitas e pandeiretas e berros preparándose para o ataque á fortaleza. Tralas arengas chegou o pregón de Areta, Noelia e Ailén, de A Panadaría, compañía que representa a historia de Elisa e Marcela con gran éxito. “As cousas que hoxe parecen normais, viñeron detrás dunha gran loita” expresaban nun potente pregón dunha festa “diversa, plural e reivindicativa”.

Xa á noite, a música tradicional de Ialma foi enchendo de bailadores o campo da festa, mentres moitos impacientes xa ían collendo sitio no foso do castelo para a gran loita do Asalto. Chegaba o momento da representación teatral no que se viviu un curioso xuízo no que os irmandiños con poder se acababan comportando como os Moscoso contra os que loitaban. A gran salvadora cando todo parecía perdido foi unha muller, a meiga que previamente queimaran, acompañada dun séquito feminista. Ela pasa o testemuño a un irmandiño novo e anónimo, que será quen derrote á cruel Inés de Moscoso. A satírica peza estivo cargada continuamente de actualidade e tivo fermosos momentos como a recreación en siluetas da guerra irmandiña, a queima da meiga, a chegada salvadora entre fachos ou a batalla de globos tralo baile socarrón dos defensores. O ariete derrubou a porta entre fogos de artificio ante as mil persoas concentradas no foso, fechado a máis público por motivos de seguridade. Seguía a noite de concertos coa calidade musical dos Immaculate Fools, a forza da música fusión de Amparanoia que levantou o campo da festa até o movido toque final dos muradáns Terbutalina. Unha noite de concertos na que houbo equilibrio de mulleres e homes entre os compoñentes musicais, algo que non pasa moi a miúdo.

Amparanoia levantou o campo da festa

A organización, composta polas asociacións Cherinkas, Axvalso e o Concello de Vimianzo, queren agradecer a todas as persoas implicadas no inmenso traballo que require a realización desta festa, composto por voluntariado, traballadores municipais, as irmandades de Soneira, veciñanza, público, patrocinadores e colaboradores alén dos medios de comunicación pola difusión desta festa.