Immaculate Fools e Terbutalina completan o plan musical do Asalto
Para o público máis novo e para o máis experimentado, para o rockeiro e para o pandeireteiro. O XXIII Asalto ao Castelo de Vimianzo será un festival moi diverso, apostando pola calidade e por diferentes estilos. O clásico grupo británico Immaculate Fools e os muradáns Terbutalina completan o cartaz do festival, xunto ás xa anunciadas Ialma e Amparanoia.
A festa dos irmandiños da Costa da Morte está a celebrar os 550 anos deste acontecemento histórico (1467-1469). Este ano estará dedicado ao asalto da fortaleza propiedade dos Moscoso de Altamira por parte do propio pobo.
Immaculate Fools
A volta deste grupo británico aos escenarios traerá moitas lembranzas a quen viviu a súa idade de ouro nos anos 80. A elegante banda de pop-folk revivirá grandes éxitos como o que lle dá nome ao propio grupo Immaculate Fools, Tragic Comedy ou Sad.
Mais non é un grupo só de nostalxia, xa que a volta da banda trae unha equipa totalmente renovada e ademais de músicos británicos, tamén galegos. E é que o cantante Kevin Weatherhill vive agora na ría de Arousa, e declárase un namorado de Galicia. O seu novo disco Keep the blade sharp xa ten rodado con gran éxito por cidades como Madrid ou Barcelona e chega o 7 de xullo a Vimianzo.
Terbutalina
Desde a súa formación en 2010, Terbutalina non deixou de encher festivais e salas de toda a península co seu potente garage-punk festeiro. Este ano contan cunha formación renovada, trala saída da banda dos compoñentes fundacionais Samu, Brais e Diego, e coa chegada de Torres no baixo e de Héctor na batería.
Teñen previsto un intenso verán, xa que a formación non deixa de conseguir éxitos e de fulminar as billeteiras das salas por onde pasa con sold-out. Terbutalina conta xa con varios traballos discográficos. O seu LP, A muerte, resultou gañador do Premio a Mellor Álbum en Galego de 2014 nos Premios da Música Independente. En 2015 lanzan o seu penúltimo traballo, Al otomano se le va la mano, gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Jim Diamond (The White Stripes, The Sonics) en Ghetto Recorders (Detroit, EEUU), e que é editado por Folc Records e Grabaciones de Impacto. Agora abren nova etapa co EP Sonido Esteiro.
Terbutalina transformará o campo da festa de Vimianzo nunha auténtica “Casa da Tolemia”.