Amparanoia e Ialma asaltarán o Castelo de Vimianzo

Con voz de muller comeza a soar o XXIII Asalto ao Castelo de Vimianzo. A música fusión de Amparanoia e a tradición galega de Ialma son as primeiras notas para compoñer o cartaz da festa dos irmandiños da Costa da Morte. O sábado 7 de xullo será o día grande dunha celebración cunha chea de actividades que se irán desvelando pouco a pouco.

A festa está a celebrar os 550 anos da guerra irmandiña (1467-1469). Este ano estará dedicado ao histórico asalto do que poucos datos se teñen. Descoñécese a data concreta na que a veciñanza atacou a fortaleza vimiancesa para loitar contra a nobreza e o sistema feudal.

Amparanoia

Amparo Sánchez decidía o ano pasado retomar o grupo Amparanoia no vinte aniversario do seu primeiro e exitoso álbum El poder de Machín. Toda unha homenaxe a un grupo que fixo parte da banda sonora da súa xeración e das máis novas. Artistas ben recoñecidos como Manu Chao, Macaco, Fito y Fitipaldis ou Chambao colaboraron cunha versión dos seus temas.

A intención era reunirse polo menos durante unha xira, mais o éxito conseguido foi tal que acaban de anunciar novo single esta mesma semana “Vente pa Barna”, e Vimianzo é a súa primeira confirmación coñecida para este verán.

Revolucionaria musical, estandarte internacional da fusión, premiada pola BBC e en Cuba-Disco é unha muller comprometida. Sempre se caracterizou pola súa valentía á hora de misturar diferentes tipos de sons e facer das súas letras unha alegre protesta.

Non faltarán na praza do Asalto de Vimianzo coñecidos temas como “Que te den”, “La fiesta”, “En la noche” ou “El coro de mi gente”.

Ialma

Multiculturalidade e migracións. As catro artistas que forman Ialma viven no seu propio día a día esta realidade na cidade onde residen, en Bruxelas. Marisol Palomo, Magali Menéndez e as irmás Verónica e Natalia Codesal naceron en Bélxica, pero as súas raíces son galegas. Os seus pais emigraron e elas danlle a volta á viaxe: Camiño (De Bruxelas a Santiago)  é o último álbum (2017) destas cantareiras con case vinte anos de carreira profesional.

Ialma ten como base a música tradicional galega, mais incorpora novos sons e outras influencias culturais. Como elas mesmas aseguran a herdanza galega vívese non como morriña do país, mais como “a expresión dunha identidade aberta sobre a cidade que as viu nacer: a Bruxelas cosmopolita”.

Ialma lanzará os seus aturuxos en Vimianzo no Asalto ao Castelo, no seu único concerto confirmado en Galicia polo de agora para este verán.