Moncho Gándara foi o primeiro pregoeiro do Asalto ao Castelo nesta XXII edición

PRIMEIRO PREGÓN DO ASALTO AO CASTELO (01.07.2017)

IRMANDADES CHEGADAS EN MASA DESDE AS TERRAS DA SONEIRA HISTÓRICA, UN SAÚDO  E BENVIDAS.

CON ESTA PRAZA IRMANDIÑA ATEIGADA DE XENTES DE TERRITORIOS DE CAMARIÑAS, LAXE, CABANA, ZAS E VIMIANZO, OS MOSCOSO E AS SÚAS TROPAS ESTÁN A TREMER.

IRMANDIÑAS TODAS, IRMANDIÑOS TODOS, BENVIDOS A ESTE  VIXÉSIMO SEGUNDO ASALTO AO CASTELO, O ASALTO QUE CONMEMORA OS 550 ANOS DAQUELA  REVOLTA IRMANDIÑA, A REVOLTA QUE PROTAGONIZARON OS NOSOS DEVANCEIROS ALÁ POLO 1467.

Concordaredes comigo en que a  xoia patrimonial máis senlleira de Vimianzo é o Castelo. Cada dí­a máis vivo, cada día máis puxante e máis integrado na vila, que está a recuperar novos espazos exteriores para todos e no que se están a multiplicar as visitas guiadas e as teatralizadas. Nunca se falou tanto da súa historia coma até o de agora.

Todos sabemos que en Vimianzo hai un Castelo, cunha rica historia comarcal que contar, cuns veciños e veciñas dispostos a contala, a recrear esa historia dun xeito libre, lúdico, festivo …

Precisamente desa conexión entre Castelo e veciños, cunha mocidade como protagonista, prendeu a chispa hai xa vinte e dous anos. E  daquela naceu o Asalto, o que, edición tras edición, se foi convertendo na mellor demostración da capacidade da mocidade vimiancesa para canalizar a súa enerxía creativa e a súa rebeldía. Porque na historia do Asalto ao Castelo, as asociacións xuvenís Cherinkas e Axvalso foron e son, xunto cun Concello plenamente implicado, os verdadeiros motores desta importante obra colectiva, desta obra que remata por ser a nosa festa máis emblemática.

Os que tivemos a fortuna de ter participado e disfrutado, desde 1996 até hoxe, dos 22 Asaltos, temos deixado atrás momentos difíciles, mesmo de atrancos institucionais, pero rematamos sempre disfrutando do triunfo da perseveranza e do espírito irmandiño: rebeldía, dignidade, e orgullo do noso.

Velaquí, xa que logo, A NOSA FESTA, a que demostra que  a nosa historia e o noso patrimonio, si os aproveitamos con intelixencia e creatividade, son un factor de desenvolvemento económico, e son un espazo de encontro que nos fai gozar e medrar coma sociedade e coma pobo…

Cada preparación e celebración dun ASALTO aseméllaseme á obra dunha magna fonte pública que dun xeito creativo e expansivo vai aumentando ou acompasando os seus canos, edición tras edición, canos polos que van manando a Música, o Teatro, a Gastronomía, os canos da Artesanía, do Deseño, do Deporte, da Creación Literaria, Gráfica, ou do Audiovisual…

A Música, as Músicas envolven e ambientan O Todo e teñen a súa expresión principal no concerto do día grande.

No Teatro, o eixo central e simbólico da NOSA FESTA é a recreación teatral, libre, lúdica e festiva das revoltas irmandiñas do século XV contra a inxustiza e o poder abusivo dos nobres. Nestas representacións -cada edición tivo, e ten a súa dramatización propia e singular- búscase a participación e implicación do espectador, que remata converténdose nun irmandiño ou irmandiña máis.

Con respecto á Gastronomía: se a sempre concurrida Cea Medieval, e xa imos pola oitava edición, se consolidou como unha oferta gastronómica de primeiro nivel no marco incomparable do foso da fortaleza, foi, sin dúbida,  a singular e exitosa  iniciativa dos Pinchos Irmandiños, desde hai agora dez anos, a que supuxo un salto cualitativo, un antes e un despois da propia Festa, pois contribuiu a avanzar na ambientación festiva do Asalto, na  participación progresiva  dos hostaleiros da vila, na participación masiva dos veciños e veciñas e de moitos visitantes, e mesmo a  ampliar  a Celebración  no tempo dun xeito estable, ata cinco días previos ao día central.

Na Artesanía xa imos pola séptima feira, E no campo do Deseño, cada Asalto resulta unha  oportunidade para novas  indumentarias, e ambientacións… No Deporte xa imos pola 3ª Legua Irmandiña. E poderíamos seguir… relatando pincelada a pincelada a Obra Completa, pero non ha lugar…

Deste fermoso e denso mosaico de ofertas de cada Asalto non quero esquecerme neste pregón do ASALTIÑO e das IRMANDADES.
O ASALTIÑO, presente e futuro. Auténtica canteira do Asalto. Pura adrenalina….E mira que as as tropas dos Moscoso non reparan en gastos e xestos para se convertiren en “dianas” das iras das pequenas e pequenos irmandiños…pero o fragor da batalla acuática chega a poder máis, e por veces imponse o de todos contra todos. No Asaltiño do pasado ano, cando, despois do combate,  baixabamos cara  a vila,  escoitei a un pequeno irmandiño preguntarlle a seu pai: papá, ganamos ou perdemos?… E vendo como  foi o da “batalla”, resulta comprensible e pertinente a pregunta do pequeno irmandiño.
E que dicir das IRMANDADES. O feito de que por terceiro ano consecutivo esteades presentes e unidas hoxe nesta grande IRMANDADE PARROQUIAL, irmandiños e irmandiñas soneirás: (das Irmandades de Zas, Baio, Cabana, Xaviña Camelle, Laxe, e as de Vimianzo, Baíñas, Salto, Carnés, Castrelo e Carantoña ), resulta unha moi mala noticia para os Moscoso, con toda a xente da súa xurisdición en pé.  A vosa presencia aquí é tamén a proba máis palpable e fidedigna da expansión e dimensión comarcal  deste acontecemento festivo.
Dicía antes que cando os irmandiños e irmandiñas berramos Luumee!, estamos a expresar un xesto de rebeldía, de dignidade, un  xesto de orgullo do noso.
Cando berramos LUUMEE, expresamos tamén un non rotundo ao abuso, un non rotundo á inxustiza, un non rotundo á tiranía…
E quero rematar  este pregón invitándovos a que berredes comigo alto e forte: ¡LUUUME!, para que os vosos  ecos  remonten no tempo ata 550 anos atrás e tamén no espazo, por tódolos confíns das Terras Soneirás:
 Irmandiños e irmandiñas, contra a CORRUPCIÓN, ¡ LUME… !
 Irmandiñas e Irmandiños, contra A VIOLENCIA DE XÉNERO ¡ LUUMEE….!
 Irmandiños e Irmandiñas, contra  O ABUSO E A INXUSTIZA, ¡ LUUUMEEE…

 

MONCHO GÁNDARA. Mestre, activista cultural, político e social da comarca. Primeiro pregoeiro do Asalto ao Castelo de Vimianzo.