Vimianzo celebra dez anos de Pinchos Irmandiños

Vinte propostas diferentes e dezanove establecementos de Vimianzo participan na décima edición dos Pinchos Irmandiños, que se repartirán desde o martes 27 de xuño até o sábado 1 de xullo, desde as 12h ás 15h e á tardiña das 19h ás 23h (horario mínimo). Este ano o historiador Jorge Guitián e a cociñeira Anna Mayer foron os encargados de aconsellar e revisar a proposta gastronómica, tendo en conta que os ingredientes que se poden utilizar deben ser aqueles que se puidesen consumir en 1467. Polo tanto, quedan prohibidas as patacas, pementos e outros tantos produtos chegados de América.

Os puntos de servizo de petiscos distribúense por toda a vila. Son Restaurante Edreira, Restaurante Vázquez, Restaurante Pastoriza, Parrillada Montevideo, Cervexería Risco, Bodegón A Lareira, Happy Day, Coffee Room, Bodegón O Petouco, O Agocho, Dialma Coffee & Lounge, Perla, Celme Café, Café Bar A Rúa, Pizzería Hilton, Cervexería Quilmes, Casa Sabina, Restaurante Via Rápida, Restaurante O Castillo e o pincho doce no stand irmandiño na praza do Concello.

A orixinalidade segue radicando ademais no nome dos pinchos, que tamén gardan relación coa historia dunha maneira humorística.

Unha aplicación nova

Como gran novidade, este ano creouse unha aplicación para poder seguir a rota dos Pinchos Irmandiños sen ter que selar físicamente un cartón.

Haberá agasallos irmandiños, até fin de existencias, para os que completen algunha destas rotas selando no cartón (a pedir nos locais) ou na App (Pinchos Irmandiños Vimianzo): Ruta Mínima (9 selos) e Ruta Total (os 19 selos). O cartón terase que entregar no recinto do Asalto ou nos locais establecidos cos datos de contacto cubertos e indicando o que, na súa opinión, é o mellor pincho e o local mellor decorado. Canto ao selado na APP unha vez completado un mínimo de 9 pinchos poderase facer o rexistro no concurso. Ademais, entre os que completen calquera das rutas sortearase un lote de produtos Mahou en función do peso da persoa gañadora.