Unha revolución irmandiña na praza de Abastos de Compostela

O Mercado de Abastos de Santiago de Compostela foi escenario este sábado dunha revolta de campesiños rememorando o 550 aniversario da Guerra Irmandiña. A festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo presentouse desta forma sorprendendo a comerciantes e visitantes que crían estar presenciando unha curiosa manifestación política. Polos diferentes postos de peixe, carne e verduras os irmandiños foron chamando á revolución e ao ataque á nobreza con megafonía, percusión e até un corno de vaca.

O lugar non foi escollido por azar, e é que onde se sitúa hoxe a Praza de Abastos tiña o seu pazo a familia dos Moscoso de Altamira, señores da fortaleza de Vimianzo desde o século XV. Trala chamada á guerra na torre central da praza, os campesiños convidaron ao público a achegarse á aula gastronómica, onde tivo lugar a presentación oficial da festa e un showcooking de cociña medieval.

Coa presenza do alcalde de Vimianzo Manuel Antelo e a concelleira de Cultura Marta Rey, convidouse aos turistas a coñecer esta festa histórica que ten o seu día grande no sábado 1 de xullo, con gastronomía, teatro, moitas actividades e os concertos de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Muchachito, Heredeiros da Crus e Festicultores.

Na aula, puidéronse degustar dous pinchos irmandiños, feitos con ingredientes da época, da man do equipo formado por Anna Mayer e Jorge Guitián. Eles foron os encargados de introducir ao público na cociña da Idade Media contestando ás diferentes preguntas e curiosidades dos asistentes, desvelando por exemplo, como era a presentación dos pratos naquela época, bastante diferente ao estilo refinado da actualidade.