A Cea Medieval do Asalto amplía o aforo nesta edición especial a 500 persoas

A Cea Medieval que se celebra o venres 3 de xullo, na véspera do día grande do Asalto ao Castelo de Vimianzo, reúne a centos de persoas no foso da fortaleza para comer pratos da época irmandiña e coller folgos antes de tomar a fortaleza. É sen dúbida un dos momentos máis agardados da celebración e no que moita xente lamentablemente ten que quedar fóra debido ao aforo limitado do recinto histórico. Este ano, como momento especial na conmemoración da vixésima edición do Asalto, a organización decidiu ampliar a 500 comensais como máximo a capacidade.

Ademais da cea e do espectáculo durante a mesma, ao remate (á unha da madrugada) abriranse as portas do foso ao público en xeral para poder asistir aos espectáculos teatrais e musicais.

Ao igual que o ano pasado, este será o sistema de venda de entradas (prezo de 25 €) para a VI edición da Cea Medieval:
1) Haberá un primeiro prazo de venda de entradas para patrocinadores e colaboradores. Este prazo rematará o 31 de maio. O número máximo de entradas que se poden comprar é de 2 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a Diego Hermida (festa@asaltoaocastelo.org ou 660 755 517).
A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man, pode anotarse a través de Diego Hermida e, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno.
2) A partir do 1 de xuño e até esgotar existencias poranse en venda as entradas que queden libres, cun tope máximo de 500. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com