Aberto o prazo para participar na V feira artesanal do ASALTO

A festa histórica do Asalto ao Castelo de Vimianzo cumpre as súas vinte edicións o sábado 4 de xullo. Un día no que tamén se celebra o lustro de feiras artesanais na praza do Concello, que serve para dinamizar a xornada e manter viva a festa durante
todo o día mentres se suceden as diferentes actividades.

O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto e remata o mércores 1 de xullo. Pode atoparse o formulario para a reserva do espazo e as condicións completas na sección da feira artesanal ou de maneira presencial no Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo (Casa da Cultura de Vimianzo).

Hai varias novidades este ano, a principal é que a V Feira Artesanal vaise abrir tamén a produtos gastronómicos de produción ecolóxica. Isto cunha condición, que os alimentos non sexan para consumo durante a feira, xa que como saben no mercado
artesanal non hai postos nin de comida nin bebida. Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto (que non pode superar os 3 metros de ancho) ao estilo do medievo e tamén ir vestidos de época.

Ademais, os participantes na feira deberán aboar 20 euros en concepto de fianza no seguinte número de conta (ES61 0133 6801 7942 0000 1284) dos cales 10€ seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que os outros 10 servirán como fondo para a colaboración coa festa do Asalto ao Castelo. No caso de non asistir, non lle serán reembolsados os 20€. Debe aportar xustificante de pago, onde figure o nome e apelidos do feirante, o nome do posto e sinalando como concepto “FEIRA ARTESANAL”. Este pode ser fotografado ou escaneado e envialo a través do formulario web ou á conta de correo (info@asaltoaocastelo.org).

Para máis información sobre esta actividade diríxanse a info@asaltoaocastelo.org ou ao número 665 957 289.

CD Irmandiño Son
O nacemento deste novo CD irmandiño da man de artistas vimianceses está cada vez máis preto de ver a luz. Recordamos que cada un dos 12 artistas ou grupos crearon unha canción inspirada nunha historia irmandiña, todo elo dende o seu propio estilo. Esta aposta pola música vai sobre rodas e o proceso de creación xa se atopa na fase de edición e masterización, logo de que a gravación dos integrantes no estudo rematara hai unhas semanas.

I Legua Irmandiña
Como xa foi anunciado, unha das novidades desta XX edición é a creación dun evento deportivo ligado á festa. O venres 26 de xuño, a partir das 21h celebrarase a I Legua Irmandiña, carreira popular nocturna cunha distancia aproximada de 5’5km. O percorrido xa está fixado, trátase dun circuito urbano que pasa polo novo paseo fluvial da vila e cun final espectacular no castelo. Ao rematar, haberá unha serie de concertos dos grupos e artistas vimianceses do CD Irmandiño Son.