Decorar as casas ó xeito do medievo terá premio en Vimianzo no II Concurso de Fachadas

NP4-ganhador_concurso_fachadasO Asalto non sería o mesmo sen o traballo de ducias de persoas que poñen o seu gran de area para que na vila se respire historia por todos os recunchos. Por iso, os organizadores decidiron consolidar o Concurso de Fachadas creando unha segunda edición, despois do éxito do ano pasado.

Todo aquel que desexe participar deberá inscribirse enviando un correo no que deben constar: nome e apelidos do concursante, teléfono e enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa. Os únicos que quedan excluídos de participaren son os locais dos Pinchos Irmandiños. Por suposto, as fachadas deberán estar engalanadas cando menos os días da festa, o venres 4 e o sábado 5 de xullo. Aínda que tamén se agradece a vontade de aproveitar a semana facendo un Vimianzo máis fermoso os sete días. Con todo, o prazo para presentarse ao concurso remata o mércores 2 de xullo.

Esta edición haberá máis agasallos para os participantes. O primeiro premio levará un vale de compra por valor de 50€, o segundo un menú medieval Do Mar á Terra para dúas persoas, e o terceiro outro tanto, pero menú castrexo. A decisión do xurado farase pública durante o propio sábado 5 de Xullo, ás 19h na Praza do Concello.

 

Gala-casting
Xa falta menos para desvelar todos os detalles do XIX Asalto ao Castelo. Este sábado celébrase a Gala-Casting no Auditorio de Vimianzo ás 20.30h. Nela revelarase o cartel, concertos e as novidades preparadas para este 2014.

 

Cea medieval
Noutra orde de asuntos, aproveitamos a ocasión para lembrar que esta é a última semana para que organizadores e patrocinadores merquen entradas para a V Cea Medieval que se celebra o venres 4 de xullo. O domingo será o último día. O número máximo de entradas que se poden comprar é de 2 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a Óscar Santos (686 605 380).

A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man, pode anotarse a través de Óscar Santos e, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno.

Xa a partir do luns que vén, 2 de xuño, e até esgotar existencias poranse á venda as entradas que queden libres, cun tope máximo de 300. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. Os puntos de venda serán os seguintes: a Casa da Cultura de Vimianzo; a Administración de Lotaría de Vimianzo; ou se non, de maneira virtual, a través do portal de venda online www.servinova.com.

 

Feira artesanal
E xa para rematar, aínda está aberto o prazo para apuntarse á Feira Artesanal que se realiza no mesmo sábado do Asalto (5 de xullo). Para participar non hai máis que cubrir o formulario a través desta web ou cubrindo un formulario de inscrición no Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo. Máis información para isto no 665957289.